sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsActualidadeIntensifícase a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets...

Intensifícase a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets polo cambio das condicións marítimas

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con técnicos de Meteogalicia e responsables de Intecmar e Gardacostas

A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante a reunión que mantivo na tarde de onte con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.

A maiores, como avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Comunidade elevou ao nivel 2 o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal) tendo en conta, entre outros, as predicións de MeteoGalicia. Así, segundo incidiu Ángeles Vázquez, “o Goberno central debe actuar dentro das súas competencias e, sobre todo, no mar”. “Xa non hai escusas”, aseverou a vicepresidenta segunda, que engadiu que o Executivo central debe despregar xa os seus medios no ámbito mariño co obxectivo de recoller a maior cantidade posible de sacos evitando así a chegada de pequenas partículas á costa, cuxa retirada resulta moito máis complexa

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS