A Xunta de Galicia e o Concello de Salvaterra de Miño colaboran achegando 2 millóns euros para mellorar o saneamento e construír unha nova depuradora no río Mendo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe coa alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o convenio de colaboración para materializar estas actuacións.
Escoitamos as declaracións da conselleira Ethel Vázquez ao respecto:
Tal e como se recolle no acordo subscrito, a Xunta cofinanciará as intervencións cunha achega do 90% do custo, 1,8 millóns de euros, e contratará e executará as obras. O Concello de Salvaterra de Miño, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 10% restante, achegando 200.000 euros. A administración local tamén deberá poñer á disposición os terreos necesarios e, ao remate das actuacións, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento.
O obxectivo da colaboración é mellorar as infraestruturas de saneamento, cunha nova planta de tratamento independente que se situará na conca do Mendo. Ademais levaranse a cabo as obras necesarias para optimizar a rede e rematar o saneamento integral de varias parroquias: Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, na bacía do río Mendo.
Concretamente, a nova depuradora no río Mendo estará deseñada para un caudal horario punta de 118 m³/h. A instalación contará cun espazo para o almacenamento de lodos, que se extraerán cada 60 días, e deséñase para un tempo de retención de 2 horas a caudal punta, o que supón 4 tanques de dúas etapas e 150 m³ de capacidade.
A planta vai estar preparada para dar servizo a unha poboación de 2.310 habitantes equivalentes no ano horizonte 2040. A localización final é distinta á pensada inicialmente, máis ao sueste, atendendo así á petición veciñal.
Tamén se executará un colector de conexión á rede de Oleiros co fin de facer chegar á nova depuradora as augas residuais recollidas neste núcleo; ademais dun colector-emisario para a vertedura do efluente xa depurado, ademais dos correspondentes pozos de bombeo e as impulsións necesarias de entrada e saída á depuradora.
Unha vez subscrito este acordo no día de hoxe continuarase coa tramitación necesaria, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras, prevéndose poder iniciar os traballos neste mesmo ano 2024, cun prazo de execución de 18 meses. As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 en Galicia