Dende hoxe, martes 9 de xaneiro, e ata o vindeiro 9 de febreiro, ámbolos dous días incluídos, está aberto o prazo para presentar solicitudes para participar cun posto de venda ou exhibición no Real Mercado Medieval da Festa da Arribada, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de marzo de 2024. As bases e toda a documentación precisa pode descargarse na páxina web municipal www.baiona.gal. Ademais, dende o Concello habilitan un enderezo de correo electrónico (mercadoarribada@baiona.gal) e un número de teléfono (699 199 400) aos que poder dirixirse para resolver calquera dúbida ou aclaración.
Emprazamento e ambientación
Os postos situaranse dentro do recinto do mercado que comprende as seguintes rúas e prazas: Praza do Pai Fernando, Ventura Misa, Praza Pedro de Castro, Conde, Fonte de Ceta, Lorenzo de la Carrera, Praza do Concello, Xogo da Bola, O Reloxo, Diego Carmona, A Laxe, San Lorenzo, Manuel Valverde, San Xoán, Praza de Santa Liberata, Marqués de Quintanar, Avda. Elduayen, Alameda Carabela Pinta, Ramón y Cajal, Parque da Palma e paseo Ribeira. Todos eles deberán ter unha ambientación acorde coa festa, que data do século XV.
Haberá por unha parte 52 postos “tenderetes” e por outra postos de establecementos, postos propios e postos gremiais.
Exhibición de cetrería
Os produtos de venda e exhibición autorizados deberán ser naturais, autóctonos, feitos a man e elaborados na casa, de características artesás e ancestrais. Poden ser produtos de alimentación, bebidas, artesanía, demostración de oficios artesanais, antigallas e tamén animais. E é que este ano volven considerarse as exhibicións de aves de cetrería e animais domésticos en catividade que teñan toda a documentación e os permisos legais esixibles para a súa exhibición ao público.