O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, alédase da presencia da provincia de Pontevedra no percorrido da próxima edición de La Vuelta.
O pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo volverá pasar polas estradas da provincia despois de tres anos de ausencia cunha etapa de 160 quilómetros entre Ponteareas e Baiona, na que os ciclistas escalarán catro portos de montaña, dous deles de primeira categoría como son o Alto da Fontiña e o Alto de Mougás.
Esta carreira foi retransmitida por televisión na edición do 2022 en 190 países, polo que supón unha útil ferramenta para a promoción turística do destino Rías Baixas. “É un espectáculo que reflicte a aposta do goberno da Deputación polo deporte e pola promoción do noso destino turístico a través dos eventos deportivos. Milleiros de persoas poderán contemplar en televisión a nosa riqueza paisaxística. En definitiva, o mundo verá que, co deporte, Pontevedra é desfrutar”, destacou o mandatario provincial.
Acompañado polos deputados e rexedores de Ponteareas e Baiona, Nava Castro e Jesús Vázquez Almuíña; o presidente da Deputación asistiu este martes en Madrid á presentación oficial do percorrido da edición do 2024 de La Vuelta. Unha cerimonia na que Luis López puido comprobar o interese que a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas seguen xerando como destino deportivo de primeiro nivel.