Reapertura do caso do accidente do festival O Marisquiño 2018 ao entender que a resolución do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo na que se decretaba o sobresemento provisional do mesmo non estaba «suficientemente motivada». É a decisión da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A Audiencia de Pontevedra estima en parte os recursos de apelación formulados polas representacións de varios feridos, deixando sen efecto a resolución do Xulgado de Instrución «a fin de que se dite unha nova resolución suficientemente motivada».
Foi en xaneiro de 2023 cando se arquivou a causa do accidente do Marisquiño 2018, onde quedaron feridas máis de 350 persoas despois de que cedera a estrutura do peirao onde se estaba celebrando un concerto. Os feitos ocorreron o 13 de agosto dese ano, día en que se produciu a derruba da estrutura de formigón situada baixo o escenario.
Na resolución do Xulgado de Instrución, a xuíza indicaba que durante a investigación non quedou «debidamente xustificada» a perpetración do delito por imprudencia que motivou a formación da causa.
No seu recurso, os feridos alegaron que, aínda cando non existise normativa específica sobre a falta de coidado e mantemento, «o sentido común e normas xerais sobre mantemento de calquera propiedade, instalación ou construción son suficientes para entender que existiu unha imprudencia grave».