O cantante Ed Sheeran chegará por primeira vez a Galicia, co apoio da Xunta de Galicia, da man de O Gozo Festival 2024. Será o vindeiro 6 de xullo no Monte do Gozo de Santiago de Compostela.
Así se anunciou en rolda de prensa na que participaron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co promotor musical, Barnaby Harrod en representación de Live Nation e o director de Sweet Nocturna, David Lago.
Con máis de 56 millóns de álbumes e 150 millóns de singles vendidos en todo o mundo, «o artista británico conta cun importante éxito internacional grazas a súa versatilidade e o seu talento como compositor», segundo explicou a administración autonómica. A confirmación do cabeza de cartel será, como dixo Xosé Merelles, “un dos acontecementos do ano que, de seguro, traerá un importante retorno económico e reforzará a marca Galicia”.
Neste sentido, Xosé Merelles salientou a importancia de que Galicia acolla espectáculos deste nivel que son capaces de atraer a milleiros de persoas que suponen un importante impacto en Galicia. “Son aspectos que repercuten directamente en hoteis e restaurantes, pero tamén en transporte e distintos servizos”, explicou ao tempo que indicou tamén o positivo impacto á hora de crear emprego e xerar gasto no desino.
Proxección internacional
O Gozo Festival naceu en 2022 co apoio da Xunta, ano no que se programaron diferentes concertos en diferentes cidades galegas cun elenco de importantes artistas internacionais, referentes nos seus respectivos ámbitos. Xosé Merelles referiuse, en concreto, á asistencia total de máis de 40.000 persoas na edición do ano pasado e que cinco as sete citas programadas tiveron as estradas esgotadas.
Salientou tamén o impacto internacional, cunha programación repartida entre os meses de marzo e novembro do ano pasado, o que contribuiu a desestacionalizar o turismo, con artistas da talla de Robbie Williams, Zaz, Robert Plant, Pixies ou Martin Garrix, entre outros.