sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO PaísO bono comercio da Xunta esgota o orzamento en menos de 10...

O bono comercio da Xunta esgota o orzamento en menos de 10 días

A cuarta edición do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia permitiu mobilizar preto de 12 millóns de euros en vendas no sector, esgotando en menos de 10 días o seu orzamento tras a súa activación o pasado 9 de outubro. No programa participaron máis de 6.700 establecementos de toda a Comunidade, beneficiando a máis de 124.300 clientes que empregaron os bonos. 

Cada persoa podía descargar un bono desconto de ata 30 euros para as compras nos comercios adheridos. Unha vez que o importe dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destinou á iniciativa os bonos descargados xa non se poden usar.

O programa cumpre así co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade, ao tempo que se contribúe a reducir o impacto da inflación das familias. Por provincias, na Coruña mobilizáronse preto de 4 millóns euros, coa participación de case 2.500 comercios; e en Lugo as vendas sumaron preto de 1,5 millóns de euros, adheríndose máis de 900 establecementos. No tocante a Ourense, mobilizáronse máis de 2 millóns de euros e participaron máis dun milleiro de negocios; mentres que en Pontevedra se sumaron á campaña preto de 2.400 establecementos nos que se mobilizaron grazas aos descontos vendas por máis de 4,5 millóns de euros.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Vigo diferentes establecementos participantes no Bono Activa Comercio, ao que se adheriron máis de 500 comercios da cidade, mobilizando máis de 1,1 millóns de euros en vendas. Heredia, que estivo acompañado por representantes da Federación Galega de Comercio, da Federación de Comercio de Pontevedra e da Asociación de Comerciantes do Calvario, destacou a boa acollida da iniciativa, coa que a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron máis de 65,7 M€. 

Como na edición anterior deste ano, non se limitou o número de usuarios que podían descargarse os bonos (un por persoa). Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalles un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzou os 15 euros. O importe íase reducindo en función do valor da compra. Unha vez alcanzados os 2,5 millóns de euros en descontos aplicados, o saldo que non se empregou queda agora sen validez.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS