Pasaron 10 anos desde que Elisa Abruñedo, aos seus 46 anos e nai dun neno, apareceu morta entre a maleza a uns 200 metros da súa casa. Fora violada. O seu marido morreu en 2015 nun accidente laboral e o seu presunto asasino foi detido agora, ten 49 anos, e é veciño de Narón.
O ADN do detido podería corresponder cos restos de saliva atopados no corpo da vítima.
A investigación, desenvolvida por axentes da Comandancia da Coruña e da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, está dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol e está baixo segredo sumarial.
En 2013, Elisa Abruñedo fora violada e asasinada a navalladas a apenas 200 metros da súa casa en Lavandeira, no concello de Cabanas. Saíra pasear pola contorna como adoitaba, falou con algúns veciños e non volveu a casa.
Familia, veciños e a Garda Civil buscárona toda a noite.
O corpo atopouse o día seguinte agochado entre maleza nunha pista forestal.
O marido de Elisa, Manuel Fernández, faleceu en 2015 nun accidente laboral no Arsenal Militar de Ferrol. O matrimonio tiña dous fillos, Adrián, o maior, e Álvaro.
En agosto do ano pasado a Garda Civil volvía ao lugar do crime, onde se despregou un equipo de homicidios para recoller probas, o mesmo equipo que conseguira resolver o caso de Diana Quer.