sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da...

A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para este martes a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por ventos comezará a última hora e agárdase ao sur de cabo Vilán con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do sur ou suroeste con ondas de ata 7 metros. Afectará a toda a costa de Pontevedra e ao oeste e suroeste do litoral coruñés. No resto do litoral galego, a alerta será de nivel amarelo por ventos do suroeste forza 7 e ondas de ata 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Dende a Xunta de Galicia, lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Por outra parte, na xornada do martes boa parte de Galicia estará en alerta amarela por chuvias e vento. Así, desde primeiras horas da mañá as precipitacións acumuladas en 12 horas poderá superar os 40 litros por metro cadrado no oeste e suroeste da Coruña; no sur e na montaña de Ourense e nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra. Ademais, desde primeiras horas desta madrugada os refachos de vento de compoñente sur poderán superar os 80 quilómetros por hora nas provincias da Coruña e Pontevedra, así como no sur e na montaña de Ourense e no centro, no sur e na montaña de Lugo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS