viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsO Festival de Cans inicia en Caminha a súa ruta de proxeccións...

O Festival de Cans inicia en Caminha a súa ruta de proxeccións internacionais

O programa «Cans itinerante» promove a proxección das obras gañadoras da última edición en grandes cidades europeas como Lisboa, Madrid, París e Bruxelas

As proxeccións arrancarán esta sábado, 30 de setembro, ás 21.45 horas (portuguesas) no fermoso Teatro Valadares de Caminha, coa colaboración do Cineclube Locus Cinemae desta localidade portuguesa. A sesión iniciarase co documental “Cans 22” de Javier Sobrado, que amosa a idiosincrasia do Festival de Cans a través dun achegamento á veciñanza, cineastas e espazos da aldea e continuará coa curta de animación “Sandwich Cat”, de David Fidalgo, que levou o Premio do Público na última edición de Cans. Fidalgo é un dos grandes valores da animación galega, que xa fora finalista dos Premios Goya coa súa curta “Homomaquia”, estreada en Cans.

A curta que completará a sesión será “Mariví na pel da memoria”, das irmás Laura e Coral Piñeiro, unha mirada singular e persoal sobre a exiliada Mariví Villaverde, que levou o Premio Furacáns de non- ficción na última edición de Cans. Estas dúas irmás cineastas estarán presentes no Teatro Valadares de Caminha para manter un encontro co público asistente, no que estarán acompañadas por Alfonso Pato, director do Festival de Cans.

Trala proxección deste sábado en Caminha, a seguinte parada será o Centro Galego de Lisboa, o vindeiro 13 de outubro. En novembro, a programación das curtas gañadoras de Cans chegará a Université Sorbonne de París o día 13 e, unha semana despois, o día 20 de novembro, proxectaranse en Madrid, na University of Saint Louis, no marco da colaboración entre o Campus en Madrid desta universidade americana e o Festival de Cans. No mes de decembro está previsto a exhibición das curtas de Cans no Cinema Vêndome de Bruxelas, nunha data que está aínda por concretar.

O Festival tamén está traballando para ampliar nas vindeiras semanas o número de proxeccións noutras cidades, intentando crear deste xeito unha rede europea de espazos onde as curtametraxes e as novas e novos cineastas galegos poidan ter maior visibilidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS