domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsA RaiaTui recoñece ao Cabo Fradera polos sesenta anos de presenza en Tui

Tui recoñece ao Cabo Fradera polos sesenta anos de presenza en Tui

- O venres 15 terá lugar a entrega dun bandeirín e o xoves 14 haberá xornada de portas abertas e unha mesa redonda

O Concello de Tui vai facer entrega dun bandeirín ao patrulleiro Cabo Fradera con motivo do sesenta aniversario da súa presenza en Tui como recoñecemento da nosa cidade a ampla traxectoria deste patrulleiro e a súa permanente contribución á vida do noso municipio a longo destas décadas. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fará entrega deste bandeirín ao comandante e dotación do Patrulleiro de Vixilancia Interior Cabo Fradera o próximo venres, 15 de setembro, ás 11.30 h.

Este domingo, 10 de setembro, é cando se cumpre o sesenta aniversario da chegada a Tui do patrulleiro Cabo Fradera, dando continuidade a presenza da Armada na nosa cidade e nas augas do río Miño dende as últimas décadas do século XIX.

Amais do acto central previsto para o venres 15 a xornada anterior, o xoves 14 terán lugar dúas actividades abertas á participación da cidadanía para contribuír ao coñecemento deste patrulleiro Cabo Fradera e a súa traxectoria na nosa cidade.

Así o xoves 14 de 16 e 19 horas terá lugar unha Xornada de Portas Abertas na Comandancia Naval do Miño onde se poderá visitar unha exposición de material da Armada e visitar ao propio patrulleiro. As persoas interesadas deben inscribirse, até o martes 12, a través do correo electrónico protocolo@tui.gal indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto, non admitíndose máis que tres inscricións por correo enviado.

A continuación, o xoves ás 20 h, no salón de actos da Aula da UNED no antigo convento de San Domingos terá lugar unha mesa redonda sobre o aniversario da chegada a Tui do PVI Cabo Fradera na que participarán o CF Enrique García González, excomandante Naval do Miño, Rosendo Bugarín González, autor do libro “Tui y la Armada e José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’. Será moderada por José A. Font Moldes, director da Radio Municipal de Tui. A entrada será libre até completar o aforo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, indica que o acto de entrega dun bandeirín co escudo do buque con motivo do sesenta aniversario da presenza en Tui do patrulleiro de vixilancia interior Cabo Fradera da Armada testemuña “o recoñecemento a súa traxectoria, actividade e implicación coa cidadanía tudense e do Baixo Miño”.

A presenza da Armada e do Cabo Fradera en Tui

O 10 de setembro de 1963 chegou á nosa cidade a lancha patrulleira Cabo Fradera que dende aquela se ocupa dos labores de control do tramo internacional do río Miño, dando continuidade á presenza da Armada en Tui dende as últimas décadas do século XIX.

O primeiro barco de vixilancia da fronteira destinado en Tui foi o Segura, que estivo na cidade até 1899 cando foi desmantelado. De forma provisoria foi reemprazado polo canoneiro Diamante que chegou a Tui o 6 de outubro de 1899. Axiña, no ano 1900, arribou á nosa cidade a nova canoneira Perla que patrullou as augas do río Miño ata o ano 1928.

Unha nova lancha canoneira, chamada Cabo Fradera, estableceuse en Tui entre 1928 e o ano 1963, en que foi substituído pola actual nave. O actual Cabo Fradera foi construído na Empresa Nacional Bazán, na factoría de La Carraca (Cádiz) entre os anos 1961-1962, sendo entregado á Armada en setembro de 1963.

Este patrulleiro é, na actualidade, o segundo buque máis antigo da Armada, logo do “Juan Sebastián Elcano” sendo o único patrulleiro fluvial.

No libro “Tui y la Armada” de Ignacio Tobarra e Rosendo Bugarín recóllese que “su llegada a Tui fue un auténtico acontecimiento social, con un recibimiento espectácular, esperándolo en el Puente Internacional multitud de barcos para posteriormente escoltarlo hasta el muelle”.

Ao longo destas seis décadas o patrulleiro Cabo Fradera a súa dotación consolidou unha estreita relación coa veciñanza de Tui e a súa contorna, que senten a este buque como unha institución identificadora da nosa localidade.

As principais funcións encomendadas a esta patrulleira atinxen ao control da fronteira no río Miño, á contribución á regulación do aproveitamento público do río, da actividades pesqueira neste curso fluvial, do mantemento das condicións de navegabilidade, a vixilancia doutras actividades como o uso de embarcacións deportivas ou de recreo, así como da caza e da pesca. A sinatura anual nesta patrulleira da renovación do Tratado de límites asinada por España e Portugal no ano 1864 é o acto máis institucional que realiza este buque Cabo Fradera e que simboliza o seu papel neste territorio.

Pero dende este patrulleiro desenvólvense numerosas actividades que teñen contribuído, ao longo destes sesenta anos, a súa implicación coa sociedade tudense: os denominados “bautizos fluviais” con múltiples colexios, institutos ou outros colectivos que realizaron unha singradura no Cabo Fradera tal como recolle o seu “Libro Historial”. Tamén ten participado de forma activa na procura de persoas desaparecidas ou accidentadas no curso do río Miño ou a colaboración en operativos coa Axencia Galega de Emerxencias ou outras entidades, moitas delas ao abeiro da chamada zona Ariem (asistencia mutua interrexional Galicia e Norte de Portugal en casos de Emerxencias) ou organizando a presencia dos hidroavións, que participan na extinción de incendios forestais, e que recollen auga no curso do río Miño.

Ten contribuído notablemente a esta imbricación entre o Cabo Fradera e a veciñanza da nosa cidade, o importante número de tudenses que teñen servido na Armada así como os numerosos membros da tripulación deste patrulleiro que se asentaron na nosa localidade tras o seu servizo activo.

Un dos momento máis significativos que cabe lembrar foi a visita realizada o 2 de setembro de 2020 pola S.M. o Rei, Felipe VI, á Comandancia Naval do Miño e a este patrulleiro de vixilancia interior “Cabo Fradera”, no que embarcou para navegar polo río Miño.

Con todo, a presenza da Armada na nosa cidade ten unha maior antigüidade pois non podemos esquecer que o noso patrón, San Telmo, ten unha estreita vinculación co mundo do mar, pois é considerado avogado polos mariñeiros. Así o 31 de marzo de 1681 o Capitán Xeneral da Armada, o marqués de Villafiel, visita a capela de San Telmo na catedral tudense para entregar diversas ofrendas en agradecemento pola súa protección. Cabe sinalar que o 15 de outubro de 1789 a oficialidade da Armada Real, presidida por D. Francisco Megarejo, mariscal de campo dos Reais Exércitos e xefe da Escuadra real viñeron venerar as reliquias de San Telmo pola protección exercida. Unha devoción que aínda na actualidade vinculada á Armada coa festividade de San Telmo, asistindo anualmente as súas principais autoridades e representacións aos actos organizados nestas data na nosa cidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS