O Espazo Isaura Gómez está a piques de ser una realidade. Tras un intenso ano de obras, o Concello de Tomiño ultima os detalles da construción deste edificio versátil que albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.
A alcaldesa, Sandra González; concelleiras e concelleiros e equipo técnico fixeron este martes unha visita ás obras deste equipamento sociocultural “icónico” que se converterá nun punto de encontro e referente para a cultura da comarca do Baixo Miño e do norte de Portugal e que ten previsto estar rematado a finais de ano.
Situado en pleno núcleo urbano do Seixo, este edificio conta con catro andares e un soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias, como o servizo de Atención Temperá, a OMIX ou a Aula CeMIT. Créase así un edificio multiusos, versátil, autónomo, aberto á xente, confortable, sostible, altamente eficiente dende o punto de vista enerxético, sendo o primeiro edificio público de Galicia que contará co certificado Passive House polo seu baixo consumo enerxético.
O edificio disporá dunha biblioteca municipal, un servizo moi demandado en Tomiño, e permitirá a ampliación, centralización, modernización e dixitalización do arquivo municipal, xa que ata o momento atopábase disperso por varios locais e edificios debido á falta de espazo. Este novo espazo permitirá tamén a centralización de determinados servizos que ofrece o Concello nun só edificio e contará cun espazo de encontro para ler a prensa ou consultar internet e instalacións de vangarda para a Atención Temperá.
No camiño cara a eficiencia enerxética, empregaranse enerxías renovables para cubrir a demanda de calefacción e refrixeración. Ademais, para conseguir o obxectivo dun edificio intelixente, dispoñerase de control de acceso automático, con emprego de domótica na climatización e dixitalizaranse os arquivos municipais e da biblioteca, de forma que o edificio sexa o máis autónomo posible.
Sandra González reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Agardamos que a final de ano podamos gozar xa dun espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e froito dunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”, sinala.
En definitiva, un símbolo de modernidade e sostibilidade para Tomiño que demostra o compromiso do Concello cun futuro máis eficiente e respectuoso co medio ambiente e que, sen dúbida, converterase nun referente na comarca como lugar de encontro cultural e social para a veciñanza.