Un ano máis, e xa van dezaseis, o velódromo municipal do Porriño acollerá a Dirt Track Xacob Agra. Como cada ano, o motoclub Papaya en colaboración co Concello do Porriño, organiza esta carreira noturna que reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.
“Como cada ano por estas datas poderemos disfrutar deste espectáculo deportivo, unha cita marcada na axenda de todos os amantes do motor que cada edición conta cunha enorme participación e implicación do público”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo agradecer ao Motoclub Papaya o “gran nivel organizativo que demostran cada ano, que fixo posible consolidar este evento deportivo de referencia en toda Galicia”.
A proba desenvolverase como cada ano en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais). Prevese que disputen a proba preto de 40 pilotos, 20 en adultos e outros na modalidade infantil que será exhibición, chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. Cabe destacar que nesta edición debutará nesta disciplina o piloto local Jose Calvar.