Visitas guiadas, exposicións, conferencias, xornadas de debuxo, concertos, e gastronomía centran o amplo programa que ao longo do mes de setembro se vai celebrar en Tui baixo o título de “Setembro xudeu en Tui”. Está promovido polo concello de Tui a través da Concellería de Turismo e Patrimonio e dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que a cidade celebra anualmente pondo en valor o seu importante legado xudeu. Nas xornadas este ano prestarase especial atención á figura do medico e filósofo tudense Francisco Sánchez, ao cumprirse o próximo 16 de novembro o cuarto centenario do seu falecemento en Toulouse.
A Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura o Patrimonio Xudues (AEPJ) da que forma parte a Red de Juderías de España promove este ano estas xornadas en 35 países co lema “Memoria”, coma chave colectiva e individual que transmitiu e mantivo a cultura xudía ao longo dos séculos.
Ao longo do mes de setembro realizaranse visitas guiadas á colección de Sambenitos no Museo Diocesano, á Ruta Xudía de Tui, así coma por outros puntos de interese da cidade cos títulos “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” ou “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” a cargo de Suso Vila, José Ramón Fernández, Rafael Sánchez Bargiela e Sara Quintana.
Dentro deste programa “Setembro Xudeu en Tui” poderanse visitar as exposicións “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías no Anexo Sala Municipal de Exposicións e a mostra divulgativa sobre Francisco Sánchez na Corredoira.
Tamén ao longo do mes haberá distintas conferencias nas que Elyjah Byrzdett abordará “El problema converso” e Suso Vila, Rosendo Bugarín e Laureano Alonso distintos aspectos da figura de Francisco Sánchez.
Outras actividades serán o concerto que ofrecerá Marta Quintana na igrexa de San Domingos, ou a Xornada de Debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui en colaboración co Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal.
A gastronomía estará presente tamén nestas actividades. Por unha banda dende este sábado e un total de catorce establecementos tudenses participan nas Xornadas Gastronómicas Sefardís ofrecendo pratos e tapas co ballacau coma protagonista. Amais Javier Zafra, cociñeiro e director do proxecto Sabores de Sefarad da Red de Juderías ofrecerá un obradoiro de elaboración e degustación de receitas de cociña xudeoespañola e unha conferencia sobre as claves e mensaxes da cociña xudía. Para estas dúas actividades é preciso inscrición previa en turismo@tui.gal.
Na praza do Concello esta colocada xa a “Porta da Memoria”. Tomando unha foto na mesma e compartíndoa nas redes sociais coas etiqueas #memoria e #redjuderias ou enviándoa ao correo descubridores@redjuderias.org entrarase no sorteo de distintos premios a través da Red de Juderías, da que Tui forma parte.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Nuñez, destaca que o amplo programa de actividades que se realizara ao longo do mes de setembro “ten vocación de continuidade e pon de manifesto a aposta que o Concello de Tui realiza pola promoción do patrimonio xudeu da nosa cidade que constitúe un dos aspectos do amplo acervo patrimonial que atesoura a cidade”. Ana Núñez manifesta o agradecemento pola colaboración na realización das actividades previstas ao Cabido da Catedral, do Museo Diocesano que abrirá excepcionalmente para as visitas guiadas, así coma as persoas que guiarán as visitas e ofrecerán as conferencias, ao colectivo Urban Sketchers e aos establecementos de hostalaría que se suman a este evento.
O lema deste ano nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía “Memoria” é un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é fundamentalmente no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Cómpre lembrar que Tui forma parte da Red de Juderías de España, e que máis aló das actividades concretas organizadas ao longo do mes de setembro a Ruta Xudía conta cunha sinalización permanente e pode seguirse tamén a través de https://rutajudia.turismotui.mobi/ cun itinerario xeolocalizado e con información complementaria á existente nos sinais.