O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o novo récord de prazas e de participación que acadou a campaña de campamentos de verán da Xunta este 2023, superando as 11.200 prazas e rozando o 100% de ocupación. “Galicia é, con moita diferenza, a comunidade autónoma que ofrece máis prazas en campamentos durante os meses do verán”, indicou Rueda durante a visita a un dos minicampamentos do programa Coñece Galicia que se celebra no concello pontevedrés de Covelo.
Durante a visita, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, Rueda subliñou o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas que “son unha oportunidade” para facilitar a conciliación familiar. O presidente lembrou que o Goberno autonómico destina “máis de 4 millóns de euros” a campamentos este ano, co obxectivo de que nenos e nenas de entre 10 e 14 anos desfruten de estadías de cinco días en doce establecementos hostaleiros da comunidade.
Trátase de iniciativas nas que os máis pequenos poden adquirir competencias e valores como o compañeirismo ou a sensibilización con medio ambiente. Ademais, Rueda resaltou que estes campamentos “son unha oportunidade para coñecer Galicia” xa que permiten que tanto os rapaces como as súas familias poidan descubrir a riqueza natural e patrimonial doutros puntos do territorio galego.
Desestacionalización do turismo
Nesta liña salientou que, logo de seguir incrementado o número de turistas durante os meses de verán, un dos obxectivos da Xunta é “desestacionalizar o turismo en Galicia” para que tanto os propios galegos como os viaxeiros doutras zonas visiten á comunidade ao longo de todo o ano.