As festas da Virxe do Alivio de Tomiño arrancan este 4 de setembro e prolongaranse ata o día 9 cunha programación cultural dirixida a todos os públicos, con propostas de contacontos, circo, teatro e espectáculos musicais. A Praza do Seixo será o escenario de todas as actividades, que serán de acceso libre e de balde.
“O Alivio é o broche de ouro da nosa programación de verán, a antesala do inicio escolar e académico para a nosa cativada e mocidade e é o motor de arranque dos inicios que tamén teñen que ver cos novos proxectos”, como indicou a alcaldesa, Sandra González, que convidou á veciñanza a gozar das festas grandes de Tomiño e dunha programación inclusiva, pensada para o desfrute das familias.
A semana festiva comezará o vindeiro luns 4 de setembro ás 19.00 horas coa proposta da compañía Asacocirco, que presentará un espectáculo circense no que compartirán protagonismo o humor e as acrobacias da man de dous clowns que garanten risas, emocións e sorpresas a esgalla.
O martes 5 de setembro, tamén ás 19.00 horas, será a quenda de Trémola Teatro e a súa “A gran aventura dos animais”. A gata Emilia contará as súas aventuras desde o día no que, farta de estar metida na casa, decide viaxar arredor do mundo.
De viaxes falará tamén “A Ramona pequena vai á lúa”, unha historia que forma parte do libro-disco “Pequena Ramona” de Pakolas, e que encherá de música a Praza do Seixo o mércores 6 de setembro, de novo ás 19.00 horas.
O último espectáculo para público familiar será “Canto conto” de Brais Iriarte. Un espectáculo participativo e didáctico que fará un repaso desde a música académica á música actual, pasando polo blues, o jazz e o rock. Diferentes estilos musicais de diferentes épocas nas que o público será convidado a cantar e a bailar.
Como ven sendo habitual, a programación cultural das festas culminará co Acto Cívico do Alivio, no que se homenaxeará a unha persoa vencellada á historia de Tomiño e no que tamén participará a Agrupación Musical de Goián. O acto celebrarase o 9 de setembro ás 21.00 horas na Praza Do Seixo.
Con estas actividades culturais, o Concello de Tomiño pon o broche a unha programación cultural de verán que contou con más de 35 actividades culturais e artísticas que percorreron diferentes prazas e espazos do Concello, ofrecendo unha programación diversa e para os diferentes públicos.
Sandra González afirmou que “estas son unhas festas referentes para a veciñanza tomiñesa de todas e cada unha das parroquias, pero tamén para as persoas que nos visitan”. Ademais expresou o seu agradecemento a todas as persoas que traballan na organización destas festas, sinalando que “no empeño por coidalas está a Comisión de Festas, encabezada por Manuel Álvarez, un grupo de homes e mulleres que definen perfectamente o que é o compromiso público e a dedicación a prol dos demais, que traballan arreo e de xeito altruísta durante todo o ano para o noso desfrute colectivo”.