viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño fai unha reforma integral na Escola Unitaria de Carregal

Tomiño fai unha reforma integral na Escola Unitaria de Carregal

- Nos centros de Taborda, Figueiró e Amorín tamén se realizaron traballos de mellora por valor de 21.000 euros, que as deixan a punto para o inicio do curso escolar

O Concello de Tomiño pon a punto as escolas antes do comezo do curso escolar. Así, durante o verán, efectuáronse traballos de reforma e mellora nas escolas de Carregal, Taborda, Figueiró e Amorín, ademais do mantemento básico que se efectúa en todos os centros escolares en época estival.

A Escola Unitaria de Carregal é o centro no que se realizaron as reformas máis significativas, que incluíron o cambio do pavimento, a instalación dunha nova tarima de madeira, a substitución do falso teito para mellorar o illamento, a limpeza da cuberta e arranxo do tellado, e o pintado da aula. Con estas actuacións, resólvense problemas de humidade que tiña o inmoble, ademais de mellorarse a eficiencia enerxética e mellorar o benestar do alumnado e profesorado que utiliza estas instalacións. As obras de reforma tiveron un custe global de case 15.000 euros.

Pola súa banda, as escolas de Figueiró, Amorín e Taborda tamén foron obxecto de obras. En todas elas se efectuou a limpeza de cubertas e o arranxo e substitución de rastreis de madeira e tellas. Ademais, no caso das instalacións de Taborda, foi efectuado un hidrofugado da fachada. As obras na escola de Taborda ascenderon a case 12.000 euros, mentres que no caso de Amorín se investiron case 6.000 euros e en Figueiró as obras supuxeron un investimento de arredor de 3.500 euros. Todas estas obras son financiadas con fondos propios do Concello de Tomiño.

Estas actuacións foron consensuadas coa Dirección de cada un dos centros, e teñen o obxectivo de modernizar e acondicionar as instalacións das escolas unitarias, para mellorar o benestar do alumando, ademais de redundar nun significativo aforro enerxético.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS