Mañá venres, 25 de agosto, finaliza o programa de visitas guiadas a diversos elementos patrimoniais da nosa cidade ‘Coñece o noso patrimonio’ organizado polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración co Concello de Tui.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar un achegamento a diversos espazos patrimoniais tudense dirixidos por especialistas.
Esta última visita estará centrada no sistema amurallado tudense e contará coa presenza como guía do arqueólogo Juan José Perles Fontao. Comezará ás 20 h na Praza de San Fernando, no centro do conxunto histórico tudense. As prazas están xa completas.
Juan José Perles Fontao é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor de diversos libros e publicación sobre arqueoloxía en Tui e a súa contorna. Director de diversas campañas de escavacións no Monte Aloia, no castro do Alto dos Cubos e en numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade de Tui que lle proporcionan un coñecemento excepcional sobre o patrimonio tudense. Ten participado na redacción, por exemplo, do Plan Director da Catedral de Tui e do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico.
Nesta visita afondará no coñecemento do sistema amurallado tudense integrado pola muralla medieval, mandada edificar polo rei Fernando II, a creación da falsa braga nos século XV e XVI e, finalmente, a creación das nosa defensas amuralladas do século XVII e XVIII. Unhas murallas aínda moi presentes na morfoloxía urbana tudense ás que nos achegaremos nesta visita guiada.
Este programa de actividades conta coa colaboración da concellaría de patrimonio e turismo do Concello de Tui, a través da concellería de Turismo e Patrimonio. A concelleira Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión.