O Campamento Musical, organizado polo Concello de Tomiño en colaboración coa Agrupación Musical de Goián, arrancou esta semana con 45 participantes de entre 3 e 12 anos.
O campamento durará dúas semanas, nas que os nenos e nenas entrarán en contacto coa música, moitos deles por primeira vez, a través de xogos e dinámicas de grupo, traballando cunha metodoloxía integradora que lles permita aprender na diversidade e en igualdade.
Impartido por profesionais da Agrupación Musical de Goián, este campamento propón actividades lúdicas a través das que cada participante coñecerá diferentes composicións musicais creadas por mulleres, coñecendo ademais as súas biografías e traxectorias profesionais. Realizaranse actividades moi variadas, como miniconcertos de solistas, actividades manipulativas con elementos naturais, obradoiros de instrumentos musicais con material de refugallo, manipulación de instrumentos, actividades de abstracción a través da música e moitas outras, todas elas coa finalidade de gozar coa música.
O Campamento Musical de Tomiño é xa unha cita infantil ineludible de cada verán. Nel, os nenos e nenas espertan o seu interese pola música e, en moitos casos, convértese no impulso para matricularse como alumnos e alumnas na Escola de Música.
Pola súa banda, o prazo de matriculación da Escola de Música para o vindeiro curso abrirase proximamente. A súa oferta educativa é ampla e adáptase a todas as idades, a partir dos tres anos. A Escola ofrece clases de instrumentos de vento madeira, vento metal, percusión e violoncello, así como coro e solfexo para adultos. O primeiro mes é de proba e gratuito.