A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, xunto con representantes dos corpos e forzas de seguridade e empresa Forox Innovación (coordinadores dos puntos violetas), reuníronse esta mañá no Concello con empresarios da hostalaría e o ocio nocturno da vila. Na xuntanza informaron aos establecementos da campaña “Espazo libre de violencias machistas” que se reforzará para o Entroido de Verán e que ten vocación de manterse no tempo en todos os locais.
A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a boa acollida que tivo esta campaña entre os locais de hostalaría e ocio nocturno, xa que todos os establecementos da vila se suman a esta iniciativa. Tanto nas barras do propio recinto como no resto de locais de Redondel estará exposta a información de “Espazo libre de violencia machista” co teléfono de atención 112. Os hostaleiros comprométense a prestar axuda a posibles vítimas de agresións machistas, ofrecerlles un lugar seguro e contactar cos servizos de emerxencias.
A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, lembra que o Entroido de Verán de Redondela “foi dende sempre un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan desfrutar en igualdade de condicións”. A campaña “Espazo libre de violencias machistas” ponse en marcha “coa intención de extendela no tempo e a todos os espazos de ocio do Concello de Redondela para facilitar as instrucións de actuación e sensibilizar á cidadanía e ás e aos axentes implicados”, explica Vilaboa.
En festas como a que se celebra en Redondela na tarde e noite do sábado, o consumo de sustancias está presente nos espacios de ocio nocturno o que supón “un factor de risco engadido que, ademáis de dificultar a resistencia ante as agresións sexuais polos efectos inhibidores dos mecanismos de defensa, pode ser utilizado como unha excusa ante un comportamento agresivo” advirte a concelleira de Igualdade.
O Entroido de Verán contará cun Punto Violeta no Hospital de Campaña instalado na Praza do Concello, e outro Punto Violeta Itinerante con dúas Axentes de Igualdade percorrendo todos os espazos da festa. Estarán en funcionamento desde as 18.00 horas do sábado ata as 04.00 horas do domingo. A campaña pretende sensibilizar ao público de todas as idades dentro das medidas de prevención da violencia machista que desenvolve o Concello.
Os Puntos Violeta desenvolven unha importante labor “non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, senón tamén para sensibilizar á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto ás mulleres”. Iria Vilaboa explica que “a tolerancia ante as agresións de baixa intensidade (comentarios sexuais incómodos, insultos, tocamentos non consentidos, insistencias ante unha negativa…) adoitan ser uhna fase previa á agresión sexual socialmente recoñecida como pode ser unha violación ou unha agresión física. A normalización deste tipo de situación fai que, en ocasións, o público que presencia esas escenas non considera preciso intervir. Por iso consideramos moi necesario achegar todos os recursos dos que dispoñemos para concienciar as persoas que o noso Concello é un espazo libre de todo tipo de violencias”. Por iso a campaña non vai dirixida só a posibles vítimas senón tamén a calquera persoa que poida presenciar comportamentos machistas ou agresións”. Os carteis informativos lembran a importancia de que toda a sociedade actúe e ofrecen o teléfono do Servizo de Emerxencias 112 e o do Punto Violeta Itinerante 663715923.
Na Alameda Castelao instalarase unha pantalla xigante con videos da campaña e no recinto da festa emitiranse audios lembrando a información aos asistentes.
Reforzo da seguridade
O Entroido de Verán conta cun protocolo de coordinación tanto en materia de seguridade, como de sanidade e emerxencias. O dispositivo sanitario contará cun Hospital de Campaña na Praza do Concello con presenza de Protección Civil. O dispositivo de seguridade reforza os efectivos tanto de Policía Local como de Policía Nacional, así como axentes de seguriade privada nos accesos ao recinto de concertos no Campo da Feira para controlar os accesos e evitar a entrada de vasos ou botellas de vidro.