O Pleno do Concello de Tomiño aprobou onte o inicio da tramitación da modificación puntual do PXOM para crear o Parque Empresarial Transfronteirizo. A proposta tivo unha grande acollida, e aprobouse con 15 votos a favor, do BNG e do PP, e dúas abstencións do PSOE. Tralo pleno, e en canto se publique nos diarios oficiais, a continuación da tramitación desta modificación urbanística pasará polo proceso de información pública de dous meses, nos que o Concello creará unha oficina de atención ao público para informar aos veciños e veciñas e resolver todas as súas dúbidas.
Tal e como se informou no Pleno, o lugar idóneo para a creación deste Parque Agroindustrial é a “recta de Figueiró”, e ven predeterminado pola súa proximidade á Ponte Internacional e, consecuentemente, a súa posición xeoestratéxica no contexto xeográfico da Eurorrexión.
Alén diso, a ubicación vense favorecida pola existencia dos servizos urbanísticos necesarios para o seu desenvolvemento: as conexións de auga e saneamento municipal, fibra óptica e accesibilidade viaria. Nese sentido, a decisión da Xunta de Galiza de aprobar o proxecto de trazado da Autovía do Baixo Miño desdobrando a recta de Figueiró e configurándoo como unha autovía urbana con tres rotondas foi determinante, pois favorece á conectividade e integra e complementa a rede de varios accesorios.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “este vai ser un pequeno gran paso para Tomiño, pois é un proxecto de emprego e de futuro, no que se tiveron en conta as posibilidades de crecemento das empresas da zona”. Un proxecto no que “levamos traballando case catro anos, sempre dende o diálogo e o consenso coas administracións sectoriais competentes e co tecido empresarial de Tomiño”.
A Modificación Puntual Nº10 para o desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo contempla a ordenación de case 650.000m2 de solo empresarial, dos cales se contempla a ordenación de máis de 150.000m2 de actividades empresariais existentes e xérase case 500.000m2 de novo solo empresarial. Ademais, o proxecto inclúe unha importante vertente medioambiental, xa que se contempla o correcto dimensionamento das infraestruturas hidráulicas da zona, e a mellora do sistema hídrico, para recuperar as canles naturais dos regatos que foron cerradas, e así evitar as inundacións periódicas que se padecen na actualidade nesta área.
Este proxecto de Parque Agroindustrial Transfronteirizo foi presentado nunha reunión o 9 de marzo de 2021 ao Vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. O proxecto foi incluído na manifestación de interese de proxectos que a Xunta enviou ao goberno central para execución cos fondos Next Generation. Así, foi anunciada por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no último plenario da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, a cal tivo lugar en Salvaterra do Miño o pasado 28 de xuño de 2021.
Ademais, o Parque Agroindustrial foi presentado a asociacións de empresarios da Eurorrexión e conta co apoio expreso da Cámara de Comercio de Tui, Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Associação Empresarial de Viana do Castelo.