O BNG presenta recurso de reposición contra os decretos de Alcaldía cos que Paco Ferreira impón os salarios do goberno local. “Solicitamos que queden sen efecto e que as asignacións económicas deban ser aprobadas en pleno, como consideramos preceptivo e, desde logo, moito máis transparente e democrático”, explica a portavoz do grupo municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
A voceira nacionalista manifestou que “non nos sorprendeu este xeito de proceder” por parte do Alcalde. Xa cando na segunda das reunións de negociación mantidas co PSOE “Ferreira sae coa proposta de cinco dedicacións de 32 mil euros e que el non cobraría, temíamos que co seu salario faría algo así”, comenta Rodríguez. Por esa razón, o BNG puña como condición que asinara ese compromiso nun documento que farían publico antes do pleno de organización, “e, claro, el negouse por completo e aí remataron as conversas”.