Onte celebrouse unha nova sesión ordinaria semanal da Xunta de Goberno Local, na que se deu conta dos trámites de contratación da obra de muro de contención na subida á Cañoteira, no Piñeiro, parroquia de Sanguiñeda; procedemento que se atopa prácticamente finalizado, polo que está previsto que os traballos comecen o vindeiro mes de setembro.
Trátase da construción dun novo muro de contención que solucionará os desperfectos causados na zona polas últimas inundacións. Para elo, foille concedida á administración local mosense unha axuda provincial do Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra. O obxecto da subvención é o de reparación de danos causados polas inundacións.
Concretamente o investimento realizarase no “proxecto de muro de contención na subida á Cañoteira, no Piñeiro, parroquia de Sanguiñeda”. A concesión de subvención faise polo mesmo importe do gasto a realizar na obra: 50.751,32 euros.
Para a acometida dos devanditos traballos o Concello posúe tódalas licenzas e permisos preceptivos para a execución do investimento ao abeiro do establecido nas bases reguladoras do Plan provincial de reparación de danos causados polas inundacións.
O prazo aproximado de execución das obras é de tres meses desde o seu inicio. Prevese que o muro quede finalizado antes de que remate o presente ano 2023.