Galicia rexistrou un mes de xullo seco e con temperaturas normais para este período, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia.
Este período caracterizouse pola presenza dunha zona de aire frío en capas medias e altas da atmosfera no Atlántico norte que impediu que o anticiclón se movese cara ao norte, deixando a Galicia en zonas intermedias, con máis predominio anticiclónico, pero con achegamentos frecuentes de frontes atlánticas febles e sen aproximacións de masas de aire norteafricanas.
Así, a anomalía media da temperatura para este mes, obtida a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi de 0,2 graos, o que fai que xullo poida considerarse como normal no conxunto da Comunidade.
Máis polo miúdo, o valor medio das temperaturas máximas foi de 24,4 graos, rexistrándose os valores máis altos nas ribeiras do Sil, no Miño ourensán e na comarca de Verín, onde se chegaron a acadar os 31,6 grados. Pola contra, os valores máis baixos déronse nos puntos máis elevados da serra de Queixa e Serra do Eixe, nas que roldaron os 16 graos. No caso das temperaturas mínimas, a media foi de 12,7 graos. Os valores máis baixos rexistráronse nas serras de Larouco, Queixa e do Eixe -6,7 graos- e os máis altos en varios puntos do litoral, con ata 17,6 graos.
No que se refire ás precipitacións, a anomalía media, obtida en base aos rexistros de 16 estacións meteorolóxicas significativas, foi un 43% inferior ao valor climático normal, polo que este mes se pode considerar seco.
Deste xeito, a precipitación media acumulada foi de 23 l/m2, rexistrándose os valores máis elevados en áreas do oeste da provincia da Coruña con ata 145 l/m2, seguidas de áreas do suroeste desta provincia e do noroeste de Pontevedra, con preto de 100 l/m2. Pola contra, en puntos das comarcas ourensás de Verín e Viana localmente houbo entre 0 e 1 l/m2.