lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsEmpresaRueda enxalza o papel do empresariado na consolidación dunha Galicia estable e...

Rueda enxalza o papel do empresariado na consolidación dunha Galicia estable e atractiva para investir

- Pon en valor que neste 2023 Galicia conta coa mellor balanza comercial de España, rexistra un crecemento do Índice de Produción Industrial nun 5,6 % do que vai de ano e ten as mellores cifras de afiliacións dos últimos 14 anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o papel do tecido empresarial galego na consolidación dunha Galicia que ofrece estabilidade e atractivo para investir. Así o aseverou durante a súa participación nun xantar organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Baiona.

O mandatario galego trasladoulles a plena colaboración da Xunta en facilitar, incentivar e desenvolver proxectos e iniciativas empresariais. Neste senso, defendeu que as administracións deben ter a responsabilidade de crear un marco legal e normativo que harmonice os intereses empresariais cos dos traballadores e coa protección dos recursos públicos, á vez que promover a estabilidade e seguridade xurídica que non obstaculice nin desincentive a acción empresarial.

Precisamente, denunciou a parálise por parte do Goberno central de proxectos transcendentais para o futuro de Galicia, referíndose en concreto ao bloqueo de 30.000 millóns de euros dos fondos europeos para a industria. Ante esta situación, insistiu na urxencia de que estas partidas se volvan activar canto antes e advertiu das incertezas e inseguridades que esta paralización está a xerar.

Cifras que avalan que a fórmula de Galicia funciona

En contraposición, o presidente da Xunta salientou a situación de estabilidade da Comunidade galega e garantiu que, ante un contexto nacional cheo de incógnitas, Galicia seguirá sendo segura e previsible, unha fórmula que lembrou que o Goberno galego leva aplicando desde 2009 e considerou que as cifras avalan que está funcionando.

Así, apuntou ao feito de que Comunidade galega recuperou o PIB prepandemia máis rápido que a media de España e, neste primeiro trimestre, acadou o maior crecemento do último lustro, cunha suba do 2,8 % interanual. Ademais, destacou que Galicia ofreceu en 2023 a mellor balanza comercial de España e as exportacións no que levamos de ano superaron os 12.300 millóns de euros, o que supón un 6 % máis que o ano 2022, que xa rexistrara cifras de récord.

Nesta mesma liña, subliñou que o Índice de Produción Industrial está a medrar ao 5,6 % no que vai de ano, un dato que contrapuxo co do nivel nacional, que permanece estancado no 0,2 %.

O presidente galego salientou que todas estas cifras teñen unha tradución directa no emprego, xa que Galicia está rexistrar os mellores datos de afiliacións dos últimos 14 anos e o paro sitúase en mínimos históricos.

Para o mandatario galego, todos estes datos demostran que Galicia é unha terra atractiva para investir, á que lle augurou un futuro prometedor se Administración e o tecido empresarial continúan mantendo esta liña de colaboración e de traballo conxunto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS