viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui recuperará a senda do río Caselas

Tui recuperará a senda do río Caselas

- Concello de Tui e CHMS asinaron o convenio que contempla un investimento de 935 mil euros

O Concello de Tui fai unha aposta decidida pola recuperación das contornas naturais e patrimoniais do municipio. Nesta liña de traballo vai realizar a recuperación ambiental do río Caselas cunha senda fluvial e a restauración de dous muíños.

Para iso o Concello de Tui asinou un convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil, CHMS, para o financiamento, execución e entrega das obras de mellora da accesibilidade e recuperación ambiental do río Caselas en Tui.

O convenio foi asinado o pasado 19 de xullo entre o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e a tenente de alcalde e concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez. Onte luns, 31 de xullo, foi publicado no Boletín Oficial do Estado.

A primeira fase desta actuación consistirá nas obras de restauración e posta en valor dos muíños consistirán no acondicionamento das estruturas do Muíño do Medio no Souto de Arriba e do Muíño da Seña. En concreto levarase a cabo a limpeza, estabilización e consolidación dos paramentos e cubertas. Tamén se procederá a acondicionar as zonas exteriores, creando elementos de interpretación e posta en valor destes elementos patrimoniais. O convenio tamén contempla a creación de elementos de interpretación e posta en valor do antigo acueduto sobre o cauce do río Caselas.

A segunda fase comprende a execución dunha senda peonil na marxe dereita do río Caselas no termo municipal de Tui.

O investimento previsto ascende a 935 mil euros dos que a Confederación aportará 748 mil euros (80%) e o concello de Tui 187 mil euros (20%). Tres son as anualidades previstas, así este ano investirán 86 mil euros,123 mil en 2024 e 726 mil en 2025.

Agora tras a sinatura do convenio a Confederación Hidrográfica do Miño Sil asumirá a redacción dos proxectos, licitación e adxudicación das obras a executar. Unha vez completados os traballos o Concello de Tui recibirá as obras sendo o encargado do seu mantemento e conservación.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a aposta que dende o Concello de Tui se ten realizado pola recuperación das marxes do río Miño e doutros ríos no termo municipal pondo en valor a súa riqueza tanto natural coma patrimonial. Nese senso apunta coma estas actuacións son de interese tanto para a poboación local coma para visitantes polo seu gran atractivo turístico.

A tenente alcalde e concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, destaca a importancia de recuperar e pór en valor todos os elementos patrimoniais e naturais do municipio, o que redunda tamén na dinamización turística e económica de Tui. Avanza a concelleira que o Concello de Tui vén de solicitar unha obradoiro de emprego para acondicionar o tramo de senda fluvial dende a praia de Areeiros até a senda do Caselas.

Nesta liña de traballo que busca a recuperación dos espazos naturais e patrimoniais en 2016 executouse a senda peonil dende a rúa Olímpicos Tudenses até a vella Ponte Internacional. Este ano realizouse o tramo dende a Mariña até a Metralla, e instalouse unha pasarela de madeira na desembocadura do río Louro, co que se deu cumprimento a unha demanda histórica, ao comunicar este tramo até a praia de Areeiros en Guillarei. Amais en breve estará rematada a senda do río Furnia, nas parroquias de Malvas e Pexegueiro, que está levando a cabo o Obradoiro de Emprego.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS