A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo hoxe de relevo que máis de 2.300 mulleres emprendedoras se viron beneficiadas nos 27 anos de traxectoria que acumula o programa Emega da Xunta para o fomento do emprego feminino. Neste 2023, destacou que estas achegas contan cun orzamento superior aos 4,8 M€ (case un 10% máis có ano pasado), cos que se prevé outorgar unhas 370 axudas. Así o dixo durante a visita que realizou a unha mercería de Fene que recibiu 10.000 euros no marco deste programa.
Na visita, Vázquez recordou que as axudas Emega permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego apoiando a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial.
En concreto, as axudas -que se poden solicitar ata o próximo 7 de agosto- constan de catro liñas, que son as seguintes: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
No caso específico da mercería Costuras, a secretaria xeral apuntou que a axuda de 10.000 euros recibida no marco da liña Emprende do programa Emega permitiu manter aberto o negocio que iniciara noutrora outra muller. Así, ademais de vender os artigos propios dunha mercería, a nova promotora tamén quere facerlle un oco a produtos feitos a man e artesanais, ademais de promover cursos de calceta, de corte e confección ou de bordado.
Beneficiarias do programa Emega
Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.
Cualificado como boa práctica pola Unión Europea, o programa Emega conta con 27 anos de traxectoria en Galicia. O pasado 2022 concedéronse ao abeiro deste programa 346 axudas en Galicia, que deron lugar a 619 empregos femininos de carácter estable, dos que 396 foron empregos novos e 223 mantidos.