O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, despediu esta mañá o curso nas escolas infantís da Xunta desde as instalacións da Guarda, en Pontevedra, coa entrega de fotos e orlas para os nenos e as súas familias.
O titular do Goberno galego, que visitou a escola infantil acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, agradeceu o labor dos profesionais docentes e a confianza das familias usuarias no servizo.
Rueda destacou que as escolas infantís da Xunta, gratuítas para todos os nenos de 0 a 3 anos en todos os centros da comunidade, axudaron a conciliar este ano a máis de 31.000 familias.
Este foi o primeiro curso escolar na escola infantil da Guarda logo da súa inauguración en setembro do 2022, un centro que ten capacidade para prestar servizo a 41 usuarios.
Durante a visita, Alfonso Rueda indicou a intención de seguir ampliando o número de prazas de educación infantil públicas coa apertura no vindeiro mes de setembro da nova escola infantil da Cidade da Xustiza de Vigo, que dispoñerá doutras tantas 41 prazas.