viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo Miño700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer en Tomiño

700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer en Tomiño

- Son máis de medio cento de actividades de xullo a setembro entre as que destacan programas de grande éxito como O Son das Prazas, Música e Románico ou as Rutas de Artes e Oficios

Tomiño desfruta xa da súa ampla programación de verán, unha axenda con máis dun cento de propostas e máis de 700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer de xullo a setembro para o goce da veciñanza e visitantes.

Unha morea de propostas entre as que se atopan a decena de actuacións musicais do programa O Son das Prazas, un ciclo musical co que o Concello saca a música ao aire libro e pon en valor as prazas como lugar de encontro e lecer para a veciñanza, devolvendo dun xeito integral os espazos públicos para as persoas.

Centrado tamén no campo musical está a segunda edición do ciclo Música e Románico, un programa de grande éxito entre a veciñanza co que poñer en valor o importante patrimonio histórico e artístico que representan as igrexas da época románica das parroquias tomiñesas e que traerá ao municipio a importantes grupos de fóra, como os premiados Litore Quartet.

Súmase ademais as tres Rutas de Artes e Oficios coas que promocionar a riqueza artística, cultural e patrimonial de Tomiño e que este ano xa visitou Viveiros da Barxa e que se achegará tamén no mes de agosto a Cítricos Rías Baixas e ao obradoiro de torneado en madeira Vikensen. Postas en marcha en 2017, lévanse realizadas xa máis de 30 rutas nas que participaron máis dun milleiro de persoas.

O festival de cine, campus de verán, contacontos e unha ducia de actividades para toda a familia complementan esta completa axenda que conta este verán con dous eventos dedicados de forma especial á mocidade: a segunda edición de Operación Triunfiño, que foi un éxito de participación, e a palestra e o concerto de Fillas de Cassandra, un grupo que aposta pola recuperación de melodías tradicionais con influencias actuais nun espectáculo que bebe do teatro e que estará na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián o vindeiro 12 de agosto.

Tampouco faltará o tradicional concerto de verán da Agrupación Musical de Goián o 18 de agosto, que estará acompañada como sempre de artistas e grupos musicais invitados e moitas sorpresas.

As axendas xa están dispoñibles para a veciñanza no Concello, no Mercado de Tomiño e na maioría dos establecementos comerciais do municipio.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou o carácter amplo da axenda de verán, deseñada pensando en ofrecer actividades para todas as idades, gustos e intereses, de xeito que tomiñeses e tomiñesas “poidan gozar de alternativas de ocio de calidade e de balde durante a época estival”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS