Dende o Concello do Porriño manifestan «a nosa máis enérxica condena á agresión sexual acontecida na madrugada do martes nas festas de Pontellas e o noso total apoio e solidariedade coa vítima e a súa familia, poñendo a súa disposición os recursos de apoio psicolóxico e protección que requira».
«Dende o Concello, a petición da familia coa que mantivemos contacto en todo momento, facemos un chamamento á prudencia na difusión de informacións e pedimos o máximo respecto para preservar os seus dereitos e intimidade», din.
«Reiteramos, de maneira clara e decidida, o noso rexeitamento contra calquera forma de violencia machista. O noso compromiso na loita contra calquera conducta que atente contra a dignidade e a integridade física ou moral das mulleres é firme».
«Lembramos que nos eventos organizados por este Concello as mulleres teñen á súa disposición, nun lugar accesible e céntrico, o Punto Violeta ao que poden acudir en caso de sufrir ou ser testemuña dunha agresión sexual e ser atendidas por persoal cualificado nesta materia de inmediato», acaban dicindo.