A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitou estes días a contorna do Castelo de Sobroso, ordenou a inmediata limpeza de toda a zona e tratará de acelerar a recuperación da entrada principal da fortaleza, un espazo derrubado hai máis dun ano por un vehículo. Os estragos provocados na zona obriga ás persoas visitantes a tomar un importante desvío para acceder ao recinto.
A colaboración entre o Concello de Ponteareas, propietaria do Castelo de Sobroso, e a Deputación de Pontevedra, administración encargada da súa xestión, é clave para poñer en valor o patrimonio cultural desta fortaleza, que destaca como un dos monumentos históricos máis importantes da provincia.
A rexedora, tamén como representante da Deputación de Pontevedra, reiterou o seu compromiso para protexer e preservar o rico legado histórico e arquitectónico da vila e a súa máxima colaboración “para que o Castelo de Sobroso se encha de vida e actividade, recupere o seu máximo esplendor e sexa un referente turístico na nosa comarca”.