lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsO BNG de Ponteareas mostra a súa satisfación ante a aprobación dunha...

O BNG de Ponteareas mostra a súa satisfación ante a aprobación dunha subvención para a humanización da contorna do Concello

- A Deputación aprobou en xuño a subvención solicitada polo anterior goberno para crear unha gran praza diante do Concello e unilo coa Praza Bugallal

O BNG amosou publicamente a súa satisfacción pola concesión dunha subvención de case 700.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra o pasado mes de xuño para a recuperación de espazos públicos na contorna da Casa do Concello, en concreto da Avenida Constitución e a rúa Concha Brey.

A aprobación da subvención, solicitada no seu día polo goberno liderado polo BNG, supón unha achega de case 700.000 euros, e permitirá crear unha grande praza pública de preto de 1.500 m2 diante da Casa do Concello, unindo este espazo coa Praza Bugallal. Ademais, converterá ambas rúas nun espazo en plataforma única, integrando os actuais xardíns xa existentes co resto da rúa, e incorporará mobiliario urbano e xardineiras.

O proxecto contempla a renovación das canalizacións soterradas de servizos como saneamento, abastecemento de auga, electricidade ou telecomunicacións. O pavimento que se colocará é de pedra, concretamente granito gris Mondariz, empregando lousas de diferentes dimensións, acabados e tonalidades. Ademais, o espazo contará con nova iluminación, disporá de arborado con especies caducifolias e contará con bancos de madeira e pedra ademais de dúas fontes de grandes dimensións diante do Concello que ao mesmo tempo serán utilizábeis como bancos.

O BNG sinala que “este espazo era unha encrucillada de rúas, con tráfico en dous sentidos, vehículos aparcados en dobre fila e beirarrúas moi estreitas. Agora é un espazo xa recuperado para as persoas e co proxecto de humanización que aprobamos converterase nun grande espazo de calidade”.

A formación nacionalista lembra que “a nosa xestión permitiunos lograr o apoio e confianza doutras administracións e lograr fondos para redactar estes proxectos e para executalos”. Agora, o Bloque insta ao goberno local do PP e Nava Castro a “axilizar a licitación destas obras para que a veciñanza poida desfrutalas á maior brevidade e para que non se perdan os 700.000 euros logrados para esta actuación, que debe estar executada antes de abril de 2025”.

“A recuperación do espazo público na vila aumenta a calidade de vida das persoas, porque transforma Ponteareas nun concello confortable e saudable, na vangarda contra o cambio climático. Ademais, contribúe a que cada vez teñamos unha vila máis dinámica, máis viva e máis accesible para toda a poboación, garantindo o dereito das persoas maiores, da infancia, da mocidade e das persoas con mobilidade reducida a gozar do espazo que é de todas e todos e socializar para gañar a súa autonomía. Así mesmo, crear rúas e prazas confortables e atractivas como as destes proxectos potencia a hostalaría e o comercio local, que funciona mellor cando por diante das portas pasan persoas en lugar de coches”, conclúe o BNG.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS