O Parque da Perillana de Ponteareas converterase este venres, 21 de xullo, nun vibrante escape room para público adolescente, infantil e familiar. A cooperativa Artefeito chega á vila con ‘O circo do silencio’, unha sala de fuxida que se desenvolverá ao longo de toda a xornada en sesións sucesivas de 30 minutos nunha pequena carpa circense instalada no
parque.
A actividade forma parte do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes
2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización
Lingüística (RDL), en colaboración co Concello de Ponteareas. Das 11.00 ás 14.00
e das 16.00 ás 21.00 horas, catro xogadores por quenda terán que resolver en
equipo unha serie de enigmas para completar a misión final.
Este escape room parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras
que lles permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. As persoas
participantes interpretarán o papel dun grupo de detectives contratados para
investigar o roubo das palabras e terán que atopar pistas, resolver enigmas,
descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperalas e devolverllas ao circo.
Como sinala a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, con esta actividade “búscase
potenciar o uso do galego entre a poboación infantil e xuvenil cunha oferta de
produtos lúdicos en galego divertidos e actuais, pensados e deseñados para eles e
elas”. “O escape room é unha forma interactiva e emocionante de mergullarse na
lingua galega mentres se divirten”, engadiu.
A actividade será de balde e non é necesaria inscrición previa.