A Xunta formalizou hoxe o contrato para executar as obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, na parroquia de Teis, no concello de Vigo, que suporán un investimento total de 4,1 M€.
O contrato, adxudicado á empresa Civis Global, S.L., completará a remodelación deste
eixo vertebrador da parroquia coas obras, en execución, da 1ª fase de humanización da
PO-323, no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de
Teis.
A previsión é poder comezar esta 2ª fase dos traballos no outono, cun prazo de execución
de 14 meses.
En concreto, as intervencións que se van a executar consisten na humanización do treito
de 1,56 km desta vía autonómica, entre o límite municipal de Vigo co municipio de
Redondela ata o IES de Teis. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os
peóns nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.
Con esta 2ª fase, búscase fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a
mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama
urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.
A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de
zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións
que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo
dispoñible o permite disporase arborado.
Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións
para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da
estrada existente.
Novos aparcadoiros e un total de 237 prazas
En canto aos novos aparcadoiros incluídos no contrato formalizado hoxe, está previsto
executar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se
conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra.
Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%.
Froito da análise das achegas recibidas, retranquearase o saínte da vivenda no número
293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se
valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e
incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras que se van realizar.
Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no
acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no
cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.
A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e
resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.