A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, lembrou hoxe que ata o 7 de agosto se poden solicitar os máis de 4,8 millóns de euros do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, que este ano prevé outorgar unhas 370 axudas grazas a un orzamento case un 10% superior ao do ano pasado. Foi durante a visita a unha escola infantil e a un taller de xoias 3D beneficiarios en conxunto de 44.000 euros no marco deste programa e que cualificou de perfectos exemplos do “talento feminino” que existe na provincia ourensá.
Na visita, a conselleira recordou que as axudas Emega permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego, o que suporá un gran avance colectivo e unha maior
prosperidade para Galicia “axudando a mulleres emprendedoras e talentosas”· En
concreto, buscan apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas
empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a
conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de
información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación
e consolidación dos proxectos.
Beneficiarias do programa Emega
Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa
ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros
requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable
económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino
xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores
económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración
laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas
de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos
de conciliación.
Cualificado como boa práctica pola Unión Europea, Elena Rivo puxo de relevo que o
programa Emega conta con 27 anos de traxectoria en Galicia, nos que se viron
beneficiadas “máis de 2.300 mulleres emprendedoras”. Destacou que o pasado 2022
concedéronse ao abeiro deste programa 67 axudas na provincia de Ourense (346 en
Galicia), que deron lugar a 115 empregos femininos de carácter estable na provincia (619
no conxunto da comunidade, dos que 396 foron empregos novos e 223 mantidos).