viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño esixe a reapertura do consultorio médico de Goián

Tomiño esixe a reapertura do consultorio médico de Goián

- O Concello investiu máis de 18.000 euros nas obras de acondicionamento e alugueiro dun novo local tras o compromiso da Xunta de reabrilo á maior brevidade

O Concello de Tomiño esixe a reapertura inmediata do consultorio médico de Goián, pechado dende o inicio da pandemia. O Goberno municipal ten alugado dende abril un novo local que cumpre as necesidades técnicas solicitadas por Sanidade e investiu máis de
18.000 euros nas obras de acondicionamento e aluguer do espazo tras o compromiso amosado pola Xunta de Galicia a finais do ano pasado. Non obstante, dende entón o goberno autonómico non volveu pronunciarse nin dar ningún novo paso para garantir a pronta reapertura do consultorio.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resalta a urxencia de reabrir este centro sanitario, xa que non só é unha demanda reiterada do Goberno municipal a Xunta e Sergas dende hai tempo, senón que tamén é unha necesidade fundamental para a veciñanza.


A finais de 2022, nunha reunión co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, a rexedora acadou o compromiso por parte da Xunta para devolver o médico a Goián. A partir dese momento, o Goberno municipal comezou a buscar un local que cumprira coas condicións técnicas para o seu uso como consultorio sanitario.


Dende o 1 de abril o Concello paga o alugueiro e realizou as obras de acondicionamento para contar nese espazo con áreas para o persoal médico e de enfermería, unha sala polivalente de técnicas e extraccións, unha sala de atención á ou ao paciente respiratorio, urxencias e persoal de administración.


En total investiu máis de 6.500 euros no arranxo do exterior, case 4.000 na pintura ou outros 4.000 en reparacións de electricidade, fontanería e calefacción, aos que hai que sumarlles o cambio de persianas, a limpeza e o pago o seguro, do lixo, da luz, da auga, do saneamento e do propio alugueiro.


Sandra González esixe a reapertura inmediata do consultorio de Goián, xa que se trata “dun servizo esencial para aliviar parte dos problemas sanitarios que sufre o municipio e para reverter unha medida que se tomou de xeito excepcional durante a pandemia para evitar contaxios pero que Xunta e Sergas converteron en permanente”.


A alcaldesa apunta ademais a necesidade de volver abrir o consultorio á maior brevidade dada a complicada situación sanitaria no municipio, que se ve agravada durante o verán ao non levarse a cabo a substitución do persoal médico e administrativo do centro de saúde na tempada estival.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS