Os canóns de Monteferro veñen de retroceder no tempo 100 anos para lucir como na súa orixe. Esta milagre foi posible grazas ao investimento de 16.758 € por parte do Concello de Nigrán a través dunha liña de axudas da Deputación de Pontevedra destinada á restauración e sinalización de elementos patrimoniais de titularidade municipal dentro da
provincia. Os traballos, adxudicados á cooperativa Árbore, supuxeron a limpeza, restauración e barnizado da Batería J3; e a limpeza do lavadoiro dos soldados e da Fonte da Mina incluíndo os accesos mediante roza (ambos elementos ficaban totalmente invisibles debido á maleza que os cubría). O resultado máis chamativo é que os canóns recuperaron o seu color militar tras décadas de abandono e vandalismo en forma de chamativas «pintadas» divulgadas en redes polos autores como «intervencións artísticas». Igualmente,
toda esta batería será sinalizada mediante paneis interpretativos.
«A península de Monteferro é un tesouro patrimonial infinito para Nigrán que, grazas á Comunidade de Montes, á quen pertence na súa maioría, estamos a por en valor no seu conxunto», indica o alcalde, Juan González, en referencia tamén aos seus petróglifos (o Concello realizou sucesivos investimentos para sinalizar e por en valor estes gravados) e á propia contorna natural «cunha costa e unha masa arbórea espectacular».