O Concello de Ponteareas reforza os servizos nas parroquias coa contratación do baleirado de pozos negros e fosas sépticas de augas residuais domésticas procedentes de vivendas unifamiliares, centros socio- culturais ou casas de turismo rural situados en parroquias ou lugares sen saneamento.
O servizo sae a licitación por un importe inicial de case 55.000 euros e incluirá un mínimo de 200 baleirados anuais de 9.000 litros de residuos cada un. En caso de que a fosa séptica a baleirar conteña máis desa cantidade, a persoa propietaria deberá tramitar unha nova solicitude e pagar un novo prezo público para baleirar outros 6.000 litros extra, xa que o límite máximo está situado nos 15.000 litros por ano.
Con esta contratación darase servizo ás vivendas situadas principalmente nas parroquias de Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade, Guláns, Moreira, Nogueira, Oliveira (San Lorenzo), Padróns, Paredes, Pías, Ribadetea, San Mateo de Oliveira e Santiago de Oliveira, así como a aquelas con algunhas zonas nas que non se dispón de rede de saneamento, como Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Prado e Xinzo.
Dende o Concello repítese a licitación para poder cumprir con todos aqueles veciños e veciñas que xa abonaron o servizo pero que non chegaron a recibilo.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de
xullo.