domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Camiño da Sueira, un novo modelo para os espazos de interese...

O Camiño da Sueira, un novo modelo para os espazos de interese paisaxístico

- O Concello vén de rematar as obras de reconfiguración deste espazo situado entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora

O Rosal estrea o seu novo modelo urbanístico para espazos de interese paisaxístico e patrimonial. O Concello vén de rematar as obras de reconfiguración do Camiño da Sueira, entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora, unha intervención que servirá de referencia nos traballos de recuperación de zonas de matriz rural con presenza de elementos de interese e certo nivel de concentración residencial, lugares que demanda un tratamento diferente do espazo público.


O Concello aplicou nesta intervención un modelo coñecido como tipo ‘rosario’, con espazos puntuais resoltos con materias nobres garantindo o protagonismo de elementos de especial significación, unidos todos por un conxunto de eixos nos que se diminuíu a presenza dos asfaltados tradicionais e se incluíron detalles coidados.


Substituíronse os pavimentos do vieiro, unha ramificación de escasa sección que deriva cara ao oeste dende a estrada de Couselo e que comunica a través da ponte de Pau sobre o Tamuxe co centro do Rosal. En total, máis de 97.000 euros de investimento financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra para converter estes 1.203 metros cadrados de superficie nun lugar con espazos de encontro para a veciñanza e de convivencia entre peóns e tráfico rodado. Por outro lado, aproveitáronse as obras para acometer tamén melloras que non se ven, como a implementación dunha rede separativas de augas pluviais.


“Esta obra é un claro exemplo do modelo urbanístico a seguir no noso rural, dotando as nosas rúas e estradas dunha unidade coa que crear espazos singulares en todo o concello que resalten os elementos de maior valor ambiental, paisaxístico e patrimonial”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Para a rexedora, esta innovadora transformación permite ademais “delimitar zonas de convivencia que favorecen a mobilidade peonil nas zonas residenciais, mellorando a calidade estética e de vida nestas zonas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS