Europa vén de premiar á OMIX de Tomiño polas súas boas prácticas como oficina Multiplicadora Eurodesk, un espazo que se encarga da xestión da información europea da provincia sobre campañas, iniciativas e programas de formación a nivel europeo.
Con este galardón en materia de comunicación dáse un gran recoñecemento aos encontros anuais que a rede de información europea na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal realiza dende 2014, nos que se comparten boas prácticas e se planifican accións conxuntas.
Como salientaban na diapositiva coa que se presentou esta iniciativa, a vida non é doada para as redes de información europeas situadas moi lonxe de institucións e dos centros de decisión da Unión Europea, pero dende as que se quere contribuír a facer Europa tamén dende a mocidade. O entusiasmo por achegar Europa á veciñanza e ao tecido empresarial e académico da Eurorrexión dan unha forza extraordinaria aos membros desta rede que pouco a pouco vai incrementando a súa visibilidade e perfeccionando a súa complementariedade e a oferta de servizos.
A OMIX de Tomiño forma parte dunha rede de 1.200 profesionais con representación en 34 países dirixida principalmente á mocidade e ás entidades que traballan neste ámbito en Europa e que busca concienciar á rapazada sobre as oportunidades de mobilidade que existen na UE.
“Este premio é o recoñecemento do arduo traballo e compromiso da nosa OMIX para brindar información e orientación de calidade aos mozos e mozas tomiñesas. A través de Eurodesk facilitamos o acceso a oportunidades de mobilidade, programas educativos e experiencias no estranxeiro fortalecendo o crecemento persoal e as perspectivas da nosa mocidade. Este premio ten que ser unha motivación para seguir avanzando no noso labor de apoio á nosa rapazada”, destacou a alcaldesa, Sandra González.