María Teresa Cortizas González-Criado, delegada de Igualdade no ámbito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; a Fundación Secretariado Gitano e Executivas de Galicia recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán na quinta edición destes premios. O xurado vén de fallar estes galardóns cos que a Xunta recoñece o seu labor para construír unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.
María Teresa Cortizas González-Criado, delegada de Igualdade da Sala do Goberno do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recibe a medalla Pardo Bazán pola súa
experiencia e coñecemento na administración da Xustiza dende unha perspectiva de
xénero e pola súa función como formadora de persoal da xudicatura no eido da igualdade
e da violencia de xénero. Xuíza dende 1992, o seu destino actual é a Audiencia Provincial
da Coruña, Orde Penal, Sección Primeira, onde leva exercendo dende fai máis de seis
anos. Ademais de ser formadora de persoal da xudicatura en materia de violencia de
xénero e igualdade, participa en foros e debates e ante institucións.
Pola súa parte, á Fundación Secretariado Gitano concédeselle a distinción pola súa longa
traxectoria a favor da inclusión social da poboación xitana e polo seu fomento da igualdade
de oportunidades para o colectivo, así como pola loita contra a discriminación múltiple que
sofren as mulleres xitanas. A través do programa Calí, financiado pola Secretaría Xeral da
Igualdade, estase a actuar nas cidades da Coruña e Vigo dende 2016, traballando pola
mellora da integración sociolaboral das mulleres xitanas, a través do fomento da igualdade de oportunidades, da igualdade de xénero e da loita contra toda forma de discriminación,
con especial atención á discriminación múltiple que sofren as mulleres xitanas e as vítimas
de violencia de xénero.
Por último, Executivas de Galicia recibe a Medalla Pardo Bazán pola súa loita pola
igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e pola visibilidade e o recoñecemento
público de mulleres profesionais destacadas polo seu prestixio e traxectoria a través do
proxecto Referentes galegas. Cun directorio que actualmente conta con máis de 300
profesionais, a asociación aposta pola concienciación e por promover políticas de
igualdade e de responsabilidade social empresarial, realizando a participación en
xornadas, mesas redondas e talleres en toda Galicia. Tamén traballa pola
corresponsabilidade, impulsando medidas que favorezan a conciliación da vida persoal,
familiar e laboral.