viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsRebaixa de pena en Lugo a un acusado de agredir e abusar...

Rebaixa de pena en Lugo a un acusado de agredir e abusar sexualmente de dúas irmás menores

- O TSXG rebaixa de 16 a 13 anos de cárcere a pena imposta a un septuaxenario por agredir e abusar sexualmente de dúas irmás menores en Lugo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 16 anos a 13 anos de cárcere a pena imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un home que, en 2015, cando tiña 74 anos, agrediu sexualmente, de forma continuada, a unha nena de 12 anos e que, ese mesmo ano, abusou, nunha ocasión, da irmá da vítima, de 10 anos. Os maxistrados consideran que non concorre a agravante de especial vulnerabilidade tida en conta pola Audiencia Provincial, o que provoca a diminución das penas impostas. A Sala salienta, neste sentido, que a minoría de 16 anos é un elemento xa contemplado no tipo penal aplicado.

Na sentenza, os maxistrados indican que non detectan erro algún na valoración da proba realizada pola Audiencia e que o testemuño das vítimas, corroborado por probas periféricas, resulta “plenamente convincente”. Ademais, o alto tribunal galego descarta a existencia de ánimo espurio, pois o condenado e as vítimas non se coñecían con anterioridade, así como a existencia de dilacións indebidas.

O tribunal, do mesmo xeito que os xuíces de primeira instancia, considera probado que abordou ás menores, de nacionalidade estranxeira, cando xogaban nas randeeiras dun parque infantil de Lugo. “Sendo consciente da súa curta idade, e con ánimo de satisfacer os seus desexos libidinosos, enganounas despois de charlar con elas, con comentarios das distintas razas e nacionalidades, os seus costumes e relixións, e convenceunas para que o acompañasen ao seu domicilio, comprándolles previamente unhas lambetadas”, relata na sentenza.

Os maxistrados, de acordo co fallo da Audiencia Provincial de Lugo, consideran probado que ese día realizou actos de carácter sexual cunha das menores, os cales se repetiron en días posteriores, e que, á súa irmá, a bicou na boca. Despois, segundo a resolución, deulles 20 euros, os cales entregaron aos seus pais. O tribunal recalca que o procesado se aproveitou “da situación de vulnerabilidade da menor que, ademais, se atopaba en proceso de adaptación cultural en España”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS