O goberno de Nigrán oficializou hoxe nun pleno extraordinario a estruturación e funcionamento do Concello nos próximos 4 anos. A organización política do goberno socialista de Juan González apenas difire do pasado mandato, asumindo responsabilidades os seus 11 compoñentes.
A principal novidade política deste terceiro mandato consecutivo de González (fito histórico en Nigrán) reside en que o alcalde asumirá directamente Turismo, Economía e Facenda e delegará Desenvolvemento Sostible (con especial atención ao programa ‘Vía Bici’) a Roberto Garrido, edil de nova incorporación licenciado en Historia e que tamén xestionará Cultura.
Pola súa banda, o primeiro teniente de Alcalde, Rubén Rial, repetirá coa súa concellería de Vías e Obras, Servizos Urbanos e Seguridade a sumará a área de Contratación; mentres que Diego García, segundo teniente de Alcalde, engadirá tamén dúas novas áreas, Vivenda e Xestión Municipal, a Urbanismo, Medio Ambiente e Recursos Humanos. As tenencias de alcaldía e o propio alcalde serán os únicos cargos con adicación exclusiva, mantendo González o mesmo salario que no pasado mandato, 45.000 €/ano, e outorgando 41.000 €/ano ás tenencias de alcaldía. “Son dúas concellerías de moitísimo peso, con persoas que levan no goberno desde 2015”, explica o rexedor, quen defende a novidade de ‘Vivenda’ como un apartado especialmente relevante “tendo en conta a próxima aprobación do PXOM e a necesidade que ten a xuventude de Nigrán de acceder a vivenda social”. Outro dos cambios é que a edil Cristina Dosil pasará a levar Relacións Veciñais, Xuventude, Festexos Populares e Comercio, carteiras repartidas antes entre diferentes concellalías e que agora
concentrará ela soa.
Por outra banda, as dúas novas ediles Estela Pérez (dedicación parcial) e Sara Penedo, licenciadas en Maxisterio e Ciencias da Actividade Física e o Deporte respectivamente, asumirán áreas relacionadas directamente coa súa formación académica: Penedo Deportes, relevando a Luis Sanromán ao fronte desde 2015; e Pérez, Educación, relevando a Marina Vidal. Ademais, esta última (quen xa fora concelleira co socialista Efrén Juanes como alcalde) xestionará tamén Emprego tendo en conta a especial importancia que a formación ten nesta área e un novo eido,e ‘Accesibilidade’, xurdido por vez primeira como un apartado específico no que se concentrará boa parte da política de ‘Un Nigrán para todos’. O resto do goberno mantense moi similar con Bibiana Peixoto (dedicación parcial) sumando a Servizos Sociales, Participación Cidadá; María Mayán (dedicación parcial) repetindo con Terceira
Idade; Patricia Diego (dedicación parcial) con Igualdade e Voluntariado; e Alfonso Vázquez con Sanidade, Abastos, Mercados e Turismo Social. A retribución bruta das cinco persoas con dedicación parcial será de 24.000 €/ano.
Pola súa banda, todos os ediles da corporación municipal (agás os que teñen algún tipo de dedicación) percibirán 275 € por asistencia aos plenos e 175 € por asistencia Comisións Informativas. Igualmente, cada partido político representado percibirá 200 €/mes e os seus compoñentes 50€/mes.
“A estrutura mantense case igual porque ten demostrado o seu bo funcionamento os pasados catro anos, por iso repetimos cunha ampla maioría absoluta”, explica González, quen presidirá unha corporación formada polos 11 representantes do PSOE no goberno, e na oposición, 5 do PP e 1 do BNG.