O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, manifesta a súa satisfacción ao aprobar o Consello da
Xunta o decreto polo que declara Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo. A declaración chega tras os informes favorables da Real Academia de Belas Artes, da Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega e culmina así un proceso no que non se rexistraron alegacións.
“A declaración de Ben de Interese Cultural é fundamental para a conservación desta xoia do pasado que chegou aos nosos días tendo agora a obriga de devolverlle todo o seu esplendor”, manifesta Pablo Castillo que xa mantivo distintas reunións para a redacción dos
informes e permisos pertinentes así como para a procura de financiamento para a súa rehabilitación.
O decreto valora o valor histórico do conxunto, ao que se califica como “mostra excepcional” da arquitectura da Diocese de Tui dos séculos XVI e XVII e, por extensión, da arquitectura barroca desenvolvida no médio rural galego. Tamén se valora a “elevada calidade” de todas as construcións e o uso dunha fábrica de cantaría de granito que “lle outorga unha gran monumentalidade ao ben”.
O expediente inclúe o mapa que delimita o conxunto de edificacións, construcións e terreos
protexidos. Como se explica no documento, a liña exterior do denominado igrexario de Barcia de Mera é asimilable coa parcela catastral da que é titular a Diocese de Vigo-Tui e englobaría a totalidade do conxunto parroquial.
Para a delimitación do contorno de protección tomouse como referencia a topografía, tratando de definir a cunca visual, e empregáronse os elementos xeográficos que constitúen límites físicos de por si, coma o río Alén, que tamén marca a división entre municipios e os camiños e estradas que acostuman separar eidos distintos e o parcelario histórico na escala máis miúda.
A declaración afecta a un amplo conxunto de edificacións, construcións e terreos: a igrexa parroquial, a casa reitoral, as construcións e espazos vencellados a estas, o adro da igrexa e o igrexario. Tamén se protexen total de 26 bens mobles procedentes do interior do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, entre os que se inclúen distintas tallas relixiosas e cruces procesionais e de relicario.