A Xunta de Galicia amplía o orzamento que destina á Tarxeta Benvida para atender a todas as peticións que se reciban. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o incremento de crédito para esta axuda, polo que o orzamento deste programa queda agora en 35 millóns de euros.
O obxectivo destas axudas, que a Administración autonómica concede desde o ano 2016,
é que os pais poidan atender os gastos que supón o nacemento dun bebé, como a compra
de alimentos infantís, roupa, berces ou produtos de hixiene ou farmacia, entre outros.
Con carácter xeral, a contía da achega económica que reciben as familias a través da
Tarxeta Benvida é de 1200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Esta duplícase no
caso das familias numerosas e increméntase un 25% no caso daquelas que viven en
concellos de menos de 5000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os
catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.
A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para
apoiar ás familias, tales como: a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, ou o bono
coidado familia para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación.