O Concello de Nigrán, a través de Cultura no Camiño, ofrece este martes 11 de xullo ás 22:00 horas na Praza do Concello o espectáculo ‘Rock ‘n’ Magic, o novo show do Mago Teto para todos os públicos. Dirixido por Fran Rei, é mais que un espectáculo de maxia; é un concerto de rock and roll.
O Mago Teto, un dos mellores e máis populares magos do noso país, une o seu talento ao de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra, para construir unha función onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock and roll.
Aparicións sorprendentes, xogos de adiviñación e pequenas e grandes ilusions máxicas comparten protagonismo coa música rock durante os 70 minutos de duración. Led Zeppelin, Bob Dylan, Los Suaves e infinidade de rock stars están presentes neste espectáculo a través dunha banda en directo que é o complemento perfecto á maxia do xenial Mago Teto. Unha gran posta en escena, unha iluminación espectacular, participación do público, humor, maxia son os elementos que fan de Rock ‘n’ Magic un espectáculo único,
posiblemente a experiencia teatral máis parecida a un concerto de rock.