O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, amosouse convencido de que nas eleccións do 23 de xullo “a maioría da cidadanía buscará a unidade, a concordia e a serenidade que desde hai tempo intentamos brindar en Galicia e que chegou o momento de que chegue tamén a España”.
Así o asegurou hoxe nun almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, onde o líder dos populares galegos foi o encargado de presentar á número 1 do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor. Dela destacou a súa solvencia, fiabilidade, boa xestión, centralidade e rigor: “Ana encarna eses valores que buscan a maioría dos españois”.
Rueda destacou a traxectoria da candidata popular e a importancia de “saber de onde vén unha persoa, onde está, onde quere ir e o que quere facer”. Algo que vinculou á súa capacidade de xestión, que definiu como “a capacidade de intentar converter en realidades en avances as oportunidades e as capacidades que a cidadanía pon en mans dos políticos”.
“Nuns momentos nos que os que aqueles que nunca xestionaron ou o fixeron mal desprestixian a capacidade de xestión, quero destacar que Ana Pastor é unha xestora. Unha persoa que non necesita recorrer á descualificación ou a discursos incendiarios para defender os seus argumentos. Ela é unha política moderada e a moderación leva á responsabilidade”, remarcou.
Outra das características que, segundo o presidente do PPdeG, é propia da cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, é o rigor. Unha calidade que definiu como “o cumprimento da palabra dada e do que se dixo que se ía facer”.
En clave electoral, Rueda concluíu que “a solvencia e a estabilidade que intentamos ofrecer en Galicia é o que queren os españois e o que Alberto Núñez Feijóo ofrece” e que o próximo 23 de xullo será a oportunidade de que “a política española empece a parecerse un pouco máis á política galega”.