viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal presenta a súa organización municipal

O Rosal presenta a súa organización municipal

- O pleno aprobou este martes as atribucións dos concelleiros e concelleiras e as diferentes dedicacións do Goberno municipal

O Concello do Rosal aprobou este martes en pleno a organización e funcionamento da Corporación municipal para o mandato que acaba de comezar, no que se abordaron cuestións como as competencias de cada concelleira e concelleiro, as dedicacións, a composición e atribucións da Xunta de Goberno Local ou a periodicidade das sesións plenarias.


Como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a estrutura do equipo de
Goberno municipal responde ao obxectivo de poñer á veciñanza e as súas
necesidades no centro da acción política e facelo “cun equipo preparado, diverso,
capacitado e con moitas ganas e ilusión para seguir mellorando a calidade de vida
de rosaleiros e rosaleiras”. “Traballaremos para que O Rosal se converta no lugar
elixido por moitas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida”, salientou.


Neste camiño, dende Alcaldía manterase tamén a coordinación das áreas de
Economía e Facenda, Formación e Emprego, Proxectos, Mobilidade, Participación
Veciñal e Comunicación e Transparencia.

En canto aos concelleiros e concelleiras
delegadas do equipo de Goberno establécense as seguintes atribucións:

  • Germán Fernández Rodríguez levará Vías e Obras, Tráfico, Protección
    Civil, Saneamento e redes de subministro.
  • Beatriz Rodríguez Alfonso estará ao fronte de Medio Ambiente,
    Benestar Social, Igualdade, Voluntariado, Montes e augas.
  • José Carlos Martínez Crespo asumirá as áreas de Deportes, Educación e
    Turismo.
  • Roxelio Fernández Portela levará Urbanismo.
  • Carlos Villanueva Domínguez coordinará Cultura, Patrimonio, Sanidade
    e Transporte.
  • Alejandro González Martínez collerá as rendas das áreas de Comercio,
    Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal.

Respecto ás dedicacións e retribucións, o Concello do Rosal mantense a mesma
dedicación exclusiva de 38.500 euros ao ano da Alcaldía e establécense dúas
parciais ao 75% de 28.000 euros e unha parcial a media xornada de 18.000 euros,
que exercerán Germán Fernández, Beatriz Rodríguez e José Carlos Martínez
Crespo, respectivamente. Pola súa banda, outros tres edís desempeñarán o seu
cargo sen dedicación.


Ademais, durante o pleno acordouse a periodicidade das sesións plenarias
ordinarias, fixada para os últimos xoves dos meses impares ás 20.30 horas, e a
composición, atribucións e funcionamento da Xunta de Goberno Local, que
permitirá unha maior eficacia e celeridade na resolución de determinados asuntos
de interese público.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS