A cidadanía de Covelo gozará dun verán en forma grazas aos cursos deportivos gratuítos
ofrecidos polo Concello. Máis de trinta persoas comezaron hoxe as clases de ximnasia de
mantemento e ximnasia na auga que se desenvolven nas instalacións públicas do pavillón e
da piscina municipal.
Os luns, mércores e venres de 9 a 14 horas tanto a piscina como o pavillón municipal
acollerán estes dous cursos que promoven hábitos de vida saudable e melloran o estado
físico e psíquico das persoas participantes.
Con estas actividades preténdese sacar o máximo partido ás instalacións municipais e que
toda a cidadanía poida ter acceso a actividades que non só melloran o seu estado físico,
tamén a súa saúde e as súas relacións sociais posibilitando momentos de encontro e
espazos axeitados asesorados por profesionais.