viernes, abril 11, 2025
InicioNewsComarcasSae a licitación a reordenación da Avenida Sarmiento Rivera

Sae a licitación a reordenación da Avenida Sarmiento Rivera

- A actuación, na que se invisten máis de 630.000 €, ten por obxecto mellorar as condicións de seguridade e mobilidade das persoas a través da creación dun itinerario peonil

A Deputación de Pontevedra xa ten en licitación as obras de reordenación da EP-4006 no
seu treito inicial en Ponteareas, na Avenida Sarmiento Rivera, por un orzamento de
630.423€. Estes traballos, financiados ao 100% pola institución provincial, buscan garantir
a mobilidade das persoas a través da creación dun itinerario peonil accesible neste tramo
situado no núcleo urbano. As empresas teñen de prazo ata o 12 de xullo para presentar as
súas ofertas.


A actuación abrangue o tramo comprendido entre a glorieta situada xunto ao Concello de
Ponteareas (onde conflúe a avenida Sarmiento coa rúa Concha Brey e as avenidas de
Galicia e Rosalía de Castro) e a glorieta coas rúas Redondela e Pombas. Con ela
preténdese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta
céntrica avenida, mediante a construción de beirarrúas adecuadas para configurar
itinerarios peonís continuos, accesibles e seguros, ao tempo que se resta prioridade ao
espazo destinado ao tráfico rodado e se implantan medidas que permitan conseguir o
calmado efectivo do mesmo.


O obxectivo é conformar unha “porta de entrada” ao núcleo urbano, recuperando o espazo
público para a cidadanía. Así, na zona máis próxima ao Concello, onde a existencia de
edificacións en ámbalas dúas marxes non permiten ampliar a sección actual, encaixaranse
beirarrúas de 2,5 m e unha calzada de 5,70 metros entre bordos. No resto, redúcese a
calzada actual a 6 metros, mantendo a política de carrís estreitos que favorezan a redución
de velocidade e conseguindo ademais que as beirarrúas queden por riba dos 2,5 m.


Ademais, acondicionarase e melloraranse as características da estrada en canto a
seguridade e comodidade das persoas usuarias, como a adecuación da iluminación, a
dotación de sinalización horizontal e vertical e a reposición daqueles servicios afectados
pola execución das obras. A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira
este tramo ao Concello de Ponteareas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS